30 de outubro: homenaxe aos represaliados no campo de concentración de Cedeira

Busca das foxas dos prisioneiros fusilados no campo de concentración de Cedeira

O vindeiro 30 de outubro de 2010, coa presenza das primeiras autoridades do Goberno de Asturias, terá lugar unha homenaxe na memoria dos represaliados no campo de concentración establecido na vila de Cedeira durante a guerra civil.

Necesitamos a túa colaboración! se tes información, fotografías, eres familiar, ou simplemente desexas colaborar na difusión do acto, segue a ler esta noticia...

Conferencia: Galegos en Portugal durante a guerra civil e a posguerra

Enrique Barrera, de Memoria Histórica Democrática, e Ángel Rodríguez Gallardo

Celebrouse o venres 18 de xuño na galería Sargadelos de Ferrol

Ángel Rodríguez Gallardo é doutor en filoloxía hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi profesor convidado na Facultad de Humanidades da Universidad Nacional de la Patagonia (Arxentina) e investigador post-doutoral no Centro de Estudos de Etnologia Portuguesa da Faculdade de Ciências Sociais da Universidade Nova de Lisboa e no Centro de Linguística da Universidade de Lisboa. É profesor contratado doutor na Universidade de Vigo e investigador do Centro de Estudos Interdisciplinares Século XX da Universidade de Coimbra. As suas investigacións céntranse en historia social do franquismo, movementos migratorios, historia oral, memoria histórica, escritura epistolar e análise do discurso. Ten publicado Letras armadas (2005), O ruído da morte. A represión franquista en Ponteareas (2006), Memoria e Silencio na Galiza contemporânea (2008) e La escritura femenina en reclusión (2009).

Suspendida a conferencia de Fernando Rosas en Ferrol

Lamentamos informar que por problemas coxunturais na súa axenda política, o historiador e deputado na Assembleia da República Portuguesa Fernando Rosas non poderá asistir á conferencia que ía impartir o vindeiro 5 de xuño co tema baixo o título «Salazarismo e Franquismo: da época dos fascismos à crise final. Uma leitura comparada». Porén a devandita conferencia queda posposta até novo aviso.

 

Concentración na Praza de Armas de Ferrol

Pola xustiza universal, contra a impunidade do franquismo

Concentración o 24 de abril ás 12.00 na Praza de Armas de Ferrol

O sábado 24 de abril ás 12.00 horas.

Os que convocamos esta concentración temos todo o dereito a considerar que a ofensiva contra o xuíz Garzón para apartalo da carreira xudicial ten a súa orixe na última actuación deste xuíz: a investigación dos crimes do franquismo cualificados como crimes contra a Humanidade e plan premeditado de xenocidio.

Polo tanto, exercemos o noso dereito democrático a opinar publicamente e a criticar a calquera poder do Estado, incluído o Poder Xudicial, porque nunha Democracia non hai vasalos senón cidadáns libres e non hai poderes nin institucións intocables. Consideramos especialmente grave que o Poder Xudicial – que se controla a se mesmo - pida que non exerzamos o noso dereito a opinar sobre os seus actos.

Consideramos insólito que un xuíz poida ser xulgado por investigar os asasinatos de máis de 200.000 persoas pola ditadura franquista e por investigar as desaparicións de miles de nenos e nenas que foron arrebatadas ás súas familias para entregalos en adopción.

O acoso a Garzón abriuse a instancias de asociacións e partidos herdeiros do franquismo, cun amplo historial delitivo no caso da Falange, que participou activamente na represión durante e despois da Guerra Civil, sendo responsable de miles de asasinatos. A causa contra Garzón ábrese para impedir que se artelle unha resposta penal axeitada ás demandas dos familiares das vítimas do franquismo, demandas esquecidas durante décadas, na procura de restaurar a dignidade das vítimas e facilitar a apertura das fosas diseminadas por todo o país para enterrar dignamente os seus restos.

Invocase a “Lei de Amnistía de 1977 para xustificar a acusación de prevaricación, cando precisamente as normas internacionais de Dereitos Humanos –subscritas tamén polo estado español- din claramente que o crime de desaparición forzada NON prescribe e entorpecer a súa investigación é un delito. Polo tanto ningunha “Lei de Amnistía”ten vixencia xurídica e temos o caso de Arxentina, onde a denominada Lei de Punto Final, foi abolida e os membros da ditadura están a ser procesados.

Se este xuízo se produce, será a primeira vez en todo o mundo que un maxistrado, en democracia, é sentado no banco dos acusados por intentar acadar Verdade, Xustiza e Reparación para as vítimas de crimes contra a Humanidade. Ademais, enviará unha mensaxe tremendamente negativa para outros xuíces que intenten investigar os crimes do franquismo. E isto xa está tendo efectos; 28 dos 46 xulgados pecharon as causas, sen sequera investigar nin citar aos familiares das vítimas, sumíndoas nunha situación de indefensión. No que vai de ano, non houbo unha soa providencia. Os xuíces, asustados, fan deixación das súas funcións.

A importancia deste caso non reside –polo tanto- na actuación dun xuíz determinado, senón en que revela unha cuestión do máis inquietante e de mais fondo calado: na España do século XXI, aínda hai liñas vermellas que non se poden cruzar. Lembremos que en Europa xamais foi perseguido e xulgado ningún xuíz por investigar os crimes da Alemaña nazi ou da Italia fascista.

E isto acontece mentres a Falanxe continua montando con total impunidade actos de enaltecemiento da ditadura. A nosa democracia coxea pola persistencia de moi poderosos intereses que queren oficializar unha visión amable e de gran placidez da ditadura franquista, o que non se corresponde coa súa violentísima represión. A nosa sociedade necesita, investigar, profundar, coñecer, divulgar e xulgar o seu pasado franquista, de maneira serena e honesta e -por suposto-, reparar as súas consecuencias e non permitir que funcionen dentro da legalidade partidos políticos que fan apoloxía do xenocidio e insultan a memoria das vítimas.

Queremos unha Xustiza que persiga aos delincuentes e non persiga a quen investiga os delitos, queremos unha Xustiza da que podamos estar orgullosos. Non estamos sós. Son moitas as prazas e rúas que están vivindo concentracións semellantes á nosa, para lembrarlle aos servidores públicos, que nunha sociedade democrática, eles serven a cidadanía e non ao revés.

Axenda de actos conmemorativos Semana da República 2010

Podes descargar o programa de actos da Semana da República organizada pola Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática en colaboración co Ateneo Ferrolán.

  • Sábado, 17 de abril de 2010 — Cea Conmemorativa
    21.30 horas
    Cea conmemorativa do 79 aniversario da proclamación da II República no restaurante El Gallo (Valón). As entradas pódense mercar na Galería Sargadelos até o 16 de abril.
  • Mércores, 14 de abril de 2010 — No antigo cemiterio de Canido (Instituto)
    19.00 horas
    Homenaxe a todas as vítimas da represión franquista.

Imaxe do acto celebrado en Canido

  • Luns, 12 de abril de 2010 — No Ateneo Ferrolán
    18.00 horas Exposición aberta ata o 24 de abril
    Inauguración da exposición «La Memoria de la Tierra» do fotoxornalista e colaborador da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica Eloy Alonso. Presentada por Santiago Macias, vicepresidente da mesma asociación.

    20.00 horas
    Conferencia–Coloquio sobre «Olvidar el olvido», por Santiago Macias.

    Descargar o arquivo MP3

Exposición de Eloy Alonso no Ateneo Ferrolán Inauguración da exposición de fotografías de Eloy Alonso.

Conferencia-Coloquio sobre «Olvidar el olvido», por Santiago Macias no Ateneo Ferrolán
Santiago Macías (ARMH), flanqueado por Eliseo Zahera (Ateneo Ferrolán) e Manuel Fernández Pita (MHD).

Axenda rápida

Noticias no noso blog

Quen somos

A Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática xurdiu a finais do ano 2001, cando unha serie de persoas de Ferrolterra (historiadores, familiares de represaliados e xentes interesadas no tema) tomaron a iniciativa de fundar unha Asociación adicada a impulsar a reivindicación da débeda histórica que se mantén coas persoas que sofriron a represión no período franquista.

Despois da celebración dunha xuntanza para a creación da Asociación, celebrada o 15 de xaneiro de 2002 no Ateneo Ferrolán, abriuse un longo período constituinte, que rematou o 22 de xuño de 2002, coa aprobación dos estatutos e a constitución legal da Asociación. Este proceso de legalización concluiu o 9 de outubro de 2002, coa inscrición no Rexistro Central de Asociacións da Xunta de Galicia.

Por esas datas comezou unha campaña de presentación de mocións en varios concellos da bisbarra, para pedir o recoñecemento e a homenaxe das corporacións ás persoas que entre os anos 1936 e 1976 perderon a vida e a libertade.

O día 12 de xullo de 2002 levouse adiante tamén un emotivo acto polo cal dous veteráns loitadores antifranquistas foron homenaxeados pola Asociación: Antonio Ares Abelleira, combatente clandestino de primeira hora, e José María Fernández Pérez "Pepe Molinuco", militante antifranquista, sendo nomeados -respectivamente- Presidente e Socio de Honra da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática.

Dende aquelas datas até a de hoxe, ademáis de colaborar e participar en iniciativas de recuperación da memoria histórica democrática, a Asociación adicou os seus esforzos a xestionar a organización do Congreso da Memoria, encontro historiográfico de carácter bienal, en homenaxe aos represaliados e represaliadas polo franquismo, e do que se levan celebradas tres edicións: "A represión franquista en Galicia" (Narón, 2003), e "A II República e a Guerra Civil en Galicia" (Culleredo, 2005), e "O franquismo en Galicia" (Pontevedra, 2007).