A Asociación Cultural Memoria
Histórica Democrática xurdiu a finais do ano 2001, cando unha serie de persoas de Ferrolterra (historiadores, familiares de represaliados e xentes interesadas no tema)
tomaron a iniciativa de fundar unha Asociación adicada a impulsar a reivindicación da
débeda histórica que se mantén coas persoas que sofriron a represión no período
franquista.
Despois da celebración dunha xuntanza para a creación da Asociación,
celebrada o 15 de xaneiro de 2002 no Ateneo Ferrolán, abriuse un longo período
constituinte, que rematou o 22 de xuño de 2002, coa aprobación dos estatutos e a
constitución legal da Asociación. Este proceso de legalización concluiu o 9 de outubro
de 2002, coa inscrición no Rexistro Central de Asociacións da Xunta de Galicia.
Por esas datas comezou unha campaña de presentación de mocións en varios concellos
da bisbarra, para pedir o recoñecemento e a homenaxe das corporacións ás persoas que
entre os anos 1936 e 1976 perderon a vida e a libertade.
O día 12 de xullo de 2002 levouse adiante tamén un emotivo acto polo cal dous
veteráns loitadores antifranquistas foron homenaxeados pola Asociación: Antonio
Ares Abelleira, combatente clandestino de primeira hora, e José María
Fernández Pérez "Pepe Molinuco", militante antifranquista, sendo
nomeados -respectivamente- Presidente e Socio de Honra da Asociación Cultural Memoria
Histórica Democrática.
Dende aquelas datas até a de hoxe, ademáis de colaborar e participar en iniciativas de recuperación da memoria histórica democrática, a Asociación adicou os seus esforzos a xestionar a
organización do Congreso da Memoria, encontro historiográfico de carácter bienal, en homenaxe aos represaliados e represaliadas polo franquismo,
e do que se levan celebradas tres edicións: "A represión franquista en Galicia" (Narón, 2003), e "A II República e a Guerra Civil en Galicia" (Culleredo, 2005), e "O franquismo en Galicia" (Pontevedra, 2007).
15/06/2009 O vindeiro venres, 19 de xuño, na Galería Sargadelos de Ferrol, terá lugar o acto de presentación libro «Retallos da Memoria II», segundo volume da serie que edita a nosa Asociación.
Desta volta son oito as historias de homes e mulleres de Ferrolterra, xentes do común que sofriron a represión franquista as que expoñen en primeira persoa as súas vivencias persoais e as de seus familiares. Continúa deste xeito o proxecto de recuperación da Memoria Histórica Democrática, hoxe máis necesaria ca nunca.
O acto estará presidido pola concelleira de Cultura de Ferrol, Mercedes Carvajales, acompañada polo presidente da Asociación, Manuel A. Fernández Pita, e por Enrique Barrera Beitia, historiador e tamén membro da Asociación.
Estades todos e todas convidados ao acto que comezará ás 20.00 horas.
04/06/2009 A Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrolterra, na súa xuntanza do xoves 4 de xuño de 2009, acordou facer público o seu apoio ao xuiz Baltasar Garzón, acusado pola organización ultradereitista «Manos limpias» cunha denuncia que foi sorprendentemente admitida a trámite. Xulgan ao xuiz Garzón por querer impartir xustiza e non xulgan aos que seguen a defender a dictadura.
Consideramos lamentable que a xustiza española poña continuas trabas a satisfacer as lexítimas demandas dos familiares das vítimas da represión e pola contra actúa con gran celeridade contra un xuiz que amosou a súa decisión de condenar ao franquismo. Lembramos que é fácil atopar nos medios informativos nestes días a numerosas persoas que exercendo a liberdade de expresión, non dubidan en negar o carácter antidemocrático da ditadura, coa convicción de que non terán que dar conta destas opinións ante os tribunais de xustiza, e mesmo fan grandes louvanzas da dictadura, vertendo comentarios despectivos contra os españois asasinados e os seus familiares, sen que teñan a protección do poder xudicial contra estas agresións.
Conmemoración da II República
20/04/2009 O pasado sábado 18 de abril, como ven sendo xa costume, celebrouse unha cea de confraternidade para conmemorar o aniversario da proclamación da II República. En breve publicaremos imaxes do evento.
Ferrol na II República. Charla no Ateneo Ferrolán
14/04/2009
Na tarde de hoxe, 14 de abril de 2009, conmemoramos o 78 cabodano da proclamación da II República en Ferrol. A nosa Asociación e o Ateneo Ferrolán, que cedeu amábelmente o seu local e a presenza do seu presidente, Eliseo Zahera, que presentou aos dous historiadores que conferenciaron durante perto dunha hora sobre a República en Ferrol, a cargo de Xosé Manuel Suárez (vogal da Asociación), e sobre o movemento obreiro na cidade durante o periodo republicano, a cargo do documentalista Eliseo Fernández.
Se non puideches asistir ao acto e ao posterior e interesante coloquio, agora podes escoitalo ou baixalo en mp3 premendo nas ligazóns que poñemos a seguir:
Hoxe lembramos a memoria de Amada García no cabodano do seu asasinato, e por extensión, a de todas as mulleres que sofriron e foron represaliadas polos golpistas do 36.
O seu fillo, acompañado por netas e bisnetas de Amada, quixo lembrar tamén o nome das persoas asasinadas na mesma data, así como tamén os nomes daqueles que acusaron falsa e cobardemente á súa nai dos supostos delictos polos que finalmente foi condenada a morte polos enemigos da Xustiza e a Liberdade.
Invitámosvos a ver as fotos do acto que tivo lugar no castelo de San Felipe en Ferrol.
Descargar cartel en PDF
O vindeiro 16 de xuño inaugúrase unha exposición con fotografías en grande medida inéditas ou pouco coñecidas, na Galería Sargadelos.
Exposición en Ferrol
12/04/2008 Descargar o folleto da exposición (PDF)
A asociación, coa colaboración do Concello de Ferrol, trae a exposición sobre as Misións Pedagóxicas organizadas durante a Segunda República.
Ademáis da exposición, que permañece aberta entre o 11 de abril e o 9 de maio, programáronse varias actividades paralelas. Desde este espazo convidámosvos a participar desta oportunidade. Máis información no documento.